O valor da palabra

A Biblioteca escolar ten a palabra é o lema que vai presidir a actividade de todas as bibliotecas escolares neste curso 21/22. Con el quérese suliñar o valor da palabra e a oralidade.

As bibliotecas son espazos de encontro que promoven e facilitan o uso da palabra a través do diálogo, a reflexión, a exposición, a lectura en voz alta, … co que se acada un dominio da linguaxe e da lingua que lle é propia.

A Biblioteca Escolar ten a palabra é tamén unha proposta para a recuperación da tradición oral como unha forma de achegar o alumnado ás raíces da cultura na que medra, facilitándolle así as claves para acceder ao rico patrimonio inmaterial galego que ten dereito a coñecer, gozar e darlle continuidade.

E o noso Proxecto Documental Integrado deste curso é unha oportunidade para facer realidade este último obxectivo. Este ano queremos achegarnos aos nosos avós e avoas para coñecer, recuperar e valorar tantas historias, lendas, contos, tradicións, xogos,…. e vidas que merecen ser contadas e compartidas.

Falade cos vosos avós e avoas para que vos conten cantigas, refráns, historias, xogos, …. que compartiremos na semana do 25 ao 29 de outubro en cada unha das titorías. Canta vida imos descubrir!!!!

Deixa unha resposta

© 2020 Todos os dereitos reservados
Creado por CEIP Escultor Acuña